Campelo mobilízase contra o peche da sucursal de Abanca
O porto de Campelo, no concello pontevedrés de Poio, perde dentro dunha semana a súa única oficina bancaria. Está previsto que o peche se faga efectivo o mércores que vén, co consecuente enfado da clientela.
"Esta oficina traballaba moi ben, moitos anos, e non hai dereito ao que están facendo. Están quitando persoal, só queren os cartos para eles e nós pagamos". "E que lle vou dicir". "Se aquí houbese outra sucursal pois habería unha competencia e ao mellor non marcharía, pero están estes sós e fan o que lles dá a gana". "Eu creo que é unha mala política non acudir á proximidade. Aquí hai un núcleo de poboación importante".
En Campelo está a lonxa que sempre traballou con esta entidade. A maioría dos clientes proceden da antiga caixa de aforros e xa teñen moitos anos. Esta mañá puidemos ver como algún precisa de axuda para operar no caixeiro. Quéixanse de que nos últimos anos, tras a privatización da entidade, o servizo empeorou poñendo uns horarios moi restritivos e con comisións que cualifican de abusivas.
"Non nos podemos quedar quietos, hai que pelexar. Abanca deixa moi mal sabor de boca en todos os sitios polo mal servizo que prestan ultimamente e por riba o peche das oficinas". "Eu xa vou cambiar de caixa. O que nos están facendo é unha burla". "Agora porque non teño aquí o meu fillo, o día que o teña de aquí non quero nada".
Para este venres ao serán hai convocada unha mobilización en contra do peche por considerar que é un prexuízo moi grande para milleiros de persoas.