Campaña en Lugo para que os propietarios manteñan as súas parcelas libres de maleza
A maleza invade a vía pública en numerosos puntos de Lugo. A falta de rozas, a vexetación mesta limita o paso dos viandantes e pode supor un problema de salubridade, polo que se rexistraron decenas de denuncias veciñais e informes da Policía Local.
Na rúa hai unanimidade. "Paréceme moi mal porque aquí todo é bichería. Eu, por exemplo, ás cobras téñolles moito medo. Así está todo, e por todo arredor igual, así que a ver que fan", dinos un veciño. Outra luguesa comenta: "Paréceme mal. Tiña que estar limpo. Pero están todas as zonas igual".
Co fin de atallar este problema, o Concello de Lugo iniciou unha campaña para obrigar os donos das parcelas a rozar a maleza. A Área de Medio Ambiente xa abriu máis de 40 expedientes de execución forzosa por terreos en malas condicións no núcleo urbano. De non seren atendidos os avisos, as multas previstas para os donos ascenden a 1.000 euros, e ao cabo da décima notificación, as sancións serán de 10.000 euros. Ademais, as autoridades municipais encargaranse de executar a limpeza das parcelas.
"O goberno municipal ten que tomar medidas e ter as cousas curiosas. Como quixeramos todos non vai ser, pero algo había que mirar por estes temas". "Hai parcelas que non teñen amo, polo que tería que encargarse o Concello. Se teñen amo, ten que pagar o amo, pero se non... Aquí, por exemplo, ao mellor non ten dono isto", dinnos na rúa.
"Limpar, dende logo. E se non limpan, multarémolos a eles tamén".
Para notificarlles aos propietarios que teñen que limpar os terreos, o Concello está a facer uso dos datos da referencia catastral.