Camiña desde Ferrol a Santiago, polo Camiño Inglés, co seu bebé de nove meses
Observándoo todo, así completaba Roi a penúltima etapa do Camiño Inglés a Santiago no carro empurrado por seu pai. Mariano e a súa parella Laura están a piques de culminar a experiencia dunha andaina con bebé desde Ferrol por terreo non sempre doado e atendendo as necesidades do meniño.
Mariano López Romano engade: "Se despois quere, para, porque está farto do carriño, tamén paramos un pouco, e cando quere durmir, dorme, e así aproveito eu para facer quilómetros".
Empezaron a ruta hai tres semanas e, como a nai tiña tarefas, en teletraballo, foinos seguindo a modo de coche vasoira, tamén para proporcionarlle a lactación a Roi.
Laura Villamar, a nai de Roi di: "Antes de saír, o almorzo faino conmigo e saíolles a onde van facer un alto, e Roi pode ter a súa dose de teta, e logo pola noite. Por iso vai sempre durmir á casa".
O camiñante vai a paso lixeiro cando pode e, segundo conta, cada día facía entre dez e trece quilómetros. "Algún tramo si que tes as pistas forestais con pedras soltas ou cunha pendente moi pronunicada e é máis complicado levar o carriño. Pero en xeral, facendo poucos quilómetros levámolo ben. e de quilómetros", di Mariano.
A familia, o can Lusco incluído, vive en Italia, e agora están de vacacións e felices con esta "pequena aventura moi bonita". "El naceu en setembro en Parma. Non puidemos vir ata xuño pola COVID−19 e era moi importante que coñecese a todos os seus avós que están aquí, entre A Coruña, Narón e Cedeira" , afirma Laura.
Teñen previsto culminar a aventura esta tarde coa chegada ao Obradoiro.