CRTVG

Buscar

Cambia a tendencia en Santiago e aumentan os contaxios

Publicado o 24/03/2021 15:19

O concello de Santiago sumou 37 contaxios novos na última semana, case o dobre dos que se rexistraran a semana anterior. Os casos ían a menos dende finais de xaneiro, e a cidade fixou o seu mínimo o pasado 18 de marzo. Dende entón, os contaxios volven medrar. 

"Levamos catro ou cinco días subindo de forma regular, e aínda non están incorporados os datos da ponte de San Xosé", asegura o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo. A un paso da Semana Santa, pensa que "é probable que a tendencia á alza siga en aumento".

Por iso prendeu a alarma e toca extremar as precaucións. "Non te metas por onde haxa moita xente", recomenda unha veciña. Outras advirten que, malia que en xeral se respectan as normas, "sempre hai terrazas ou parques onde ves grupos grandes" ou xente "que non cumpre". 

Así as cousas, preocupa que haxa que volver atrás. "Temos que controlar para que isto non vaia para atrás, porque sería a ruína para a hostalería e o comercio", afirma o hostaleiro Xosé Blanco. "Sobrevivimos como puidemos este ano", di Wendy Carrero, hostaleira, pero "o tema non vai acabar mentres a xente non tome conciencia". 

O sector da hostalería chama á prudencia para que a situación non empeore, coa ollada posta sobre todo nos próximos festivos.

Noticias web

24/03/2021