CRTVG

Buscar

Cambados solidarízase con Merchi para que poida conseguir o tratamento que precisa en Corea

Publicado o 12/08/2021 15:16

Hai seis anos que a Mercedes Álvarez lle diagnosticaron atrofia muscular espiñal. Esta veciña de Cambados fundou unha asociación coa intención de apoiar outras persoas que tamén padecen esa enfermidade xenética. Hoxe é ela quen pide apoio. Está a recadar oitenta mil euros para viaxar a Corea e recibir un tratamento á carta que combatería esa doenza. Xa leva recadados máis dun terzo deses cartos, grazas á solidariedade de moitas persoas.

Entre os doces da pastelería de Eva, estas magdalenas son as máis solidarias. Os dous euros que custan van para a campaña MerchiaCorea. Queren axudala a conseguir cartos para a súa viaxe e o seu tratamento.

"Nós coñecemos a doenza de Merchi cando abrimos aquí, ela viña andando e de repente fomos vendo cómo o paso do tempo facía mella nela. Aproveitamos calquera ocasión para axudarlle", explica Eva María Castro Padín, propietaria de Plus de Sucre.

E non está soa. Moitas persoas están apoiando a Merchi Álvarez na sua colecta. Hai seis anos que a Merchi lle diagnosticaron atrofia medular espinal, unha doenza rara que vai limitando a súa vida.

"De estar completamente sa, de practicar taekwondo, de levar unha vida normal coma calquera outra muller traballadora, pois pasei a estar nunha cadeira de rodas", di. 

Agora Merchi busca apoio económico para viaxar a Corea e someterse a un tratamento que polo momento só se administra neste país asiático.

"É onde está aprobado como técnica, como medicamento, entón non teño outra opción máis que ir a Corea".

Esta semana, diante do concello de Cambados un grupo de mulleres colabora coa campaña, destinando parte das vendas que obteñan e tamén donativos.

Ángeles Fernández, colaboradora da campaña #MerchiaCorea: "A xente está sendo moi xenerosa, ademais do que custa o produto sempre nos dan dez euros a máis, vinte euros a máis para recadar para Merchi".

Unha solidariedade que cruzou fronteiras fora de Galicia e que fai que Merchi vexa máis cerca a sua meta

"Enviaron fotos dunha vila de Granada, de Baza, alguén empapelou toda a vila coas miñas fotos, que vemos nos carteis e a verdade é que é moi bonito. Non é só algo a nivel local, senón que vexo que todo mundo quere que me vaia a Corea".

Noticias web

12/08/2021