CRTVG

Buscar

Cambados, Vilanova, Laza e Cualedro, no nivel máximo de restricións a partir do venres

Publicado o 05/05/2021 15:53

• Vigo continúa no nivel medio de limitacións

As localidades de Cambados, Vilanova de Arousa, Laza e Cualedro pasarán a estar en nivel máximo de restricións pola covid−19 a partir das 00:00 horas do próximo venres, día 7 de maio. Nestes municipios, os veciños non poden saír salvo causas xustificadas, a hostalaría permanece pechada e están prohibidas as reunións de non convivientes.

Cambados entrou o luns en nivel alto de restricións e rematará a semana no nivel máximo. A maioría dos 61 contaxiados están vinculados con gromos familiares. Pero seguen detectando casos en persoas asintomáticas que puideron seguir espallando o virus nos seus ámbitos de traballo e familiares. No concello preocupa o que poida saír das celebracións do Día da Nai. E entenden que non quedaba outra que o peche perimetral e da hostalería e a prohibición de reunions de non conviventes.

Así o comunicou este martes a Consellería de Sanidade despois da reunión do comité clínico que asesora á Xunta na xestión da pandemia, que determinou que A Merca, A Pastoriza, Marín, Gondomar, Salceda de Caselas, Padrón, Mesía, Ribeira, Coristanco e A Laracha pasen ao nivel alto, o seguinte con maiores restricións.

Ante o aumento dos contaxios en Laracha fixéronse cribados nos centros escolares que sacaron á luz varios positivos. Cunha poboación de 11.000 persoas, teñen agora unha trintena de casos activos de covid.

Ademais, as medidas do nivel medio serán de obrigado cumprimento nos termos municipais de Carballeda de Valdeorras, Verea, Muíños, Verín, Xinzo de Limia, Allariz, Toén, Chantada, Meira, Cerdedo-Cotobade, Vilagarcía de Arousa, Soutomaior, Fornelos de Montes, Cangas,O Porriño, Tui, Nigrán, Lalín, Silleda, Noia, Melide, Ordes, Carballo, Betanzos e Cambre. Ademais, entre estes municipios está Vigo, a única do sete grandes cidades galegas neste nivel de restricións.

Pola súa banda, no resto dos concellos galegos estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo. Todas as medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do próximo venres, día 7 de maio.

Deste xeito, o comité clínico inclínase por seguir aplicando peches perimetrais nos municipios e limitacións nos horarios das actividades, singularmente na hostalaría. Con todo, prevese que o vindeiro xoves se volva reunir este órgano que asesora á Xunta para abordar as medidas que se aplicarán en Galicia a partir do levantamento do estado de alarma o próximo 9 de maio.

Cambados asume dúas semanas de peche

En Cambados contan con que a situación durará polo menos uns quince días, ata que a incidencia baixe e o concello saia do nivel de risco máximo.

Os veciños lamentan que haxa algunhas persoas, aínda que fosen poucas, que esquecen os protocolos. Insisten en que pola imprudencia dalgúns estanse a resentir moitas economías familiares, como as dos propios feirantes, que poderán volver co concello pechado, pero coas vendas restrinxidas só aos cambadeses.