CRTVG

Buscar

Cambados, Laza e Padrón seguirán no nivel máximo de restricións a partir do venres

Publicado o 11/05/2021 20:58

• Sanidade agarda polos cribados vencellados coa variante india en Vigo para decidir se a cidade deixa o nivel medio

• Cualedro e Vilanova de Arousa xa non terán peche perimetral

O comité clínico que asesora á Xunta na xestión da pandemia acordou o nivel máximo de restricións para os concellos de Cambados, Laza e Padrón. A medida entrará en vigor ás 00:00 horas do próximo venres, 14 de maio.

O órgano de expertos, reunido este martes, determinou o nivel alto de limitacións para combater a covid−19 nos municipios de Cangas, A Laracha, Lobios, Oleiros, Ribeira e Vilanova de Arousa.

As medidas de nivel medio serán de obrigado cumprimento nas localidades de Ames, Barbadás, Betanzos, Bueu, Carballeda de Valdeorras, Carral, Cerdedo-Cotobade, Chantada, Cualedro, Cuntis, Fisterra, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Melide, Moaña, Moraña, Noia, Ordes, A Pastoriza, Ponte Caldelas, Salceda de Caselas, Santiso, Silleda, Soutomaior, Toén, Tomiño e Valga.

No resto, estarán vixentes as restricións do nivel medio baixo. A dúbida está en Vigo, pois a Consellería de Sanidade informou de que non pasará a nivel medio baixo ata que se revisen os resultados dos cribados feitos nas últimas horas e ver que achegan. Na clínica Fátima fixeron un segundo cribado entre o persoal tras confirmarse a infección coa variante da India dun paciente ingresado por outra patoloxía e a súa muller, que, ademais de compartiren centro sanitario, non teñen outra relación cos barcos confinados. Nos cargueiros hai trece infectados. 

Galicia elevou o luns ao Tribunal Superior de Xustiza (TSXG), como se prevía, as medidas relativas á limitación de mobilidade e ao dereito de reunión tras decaer o estado de alarma despois de seis meses en vigor.

As medidas aprobadas pola Xunta, asesorada polo comité clínico, fixan o peche perimetral dos concellos con máximo risco, cinco nese momento (Cambados, Cualedro, Laza, Padrón e Vilanova de Arousa) e tres desde o venres; o toque de recollida entre as 23 e as 6 horas nesas localidades, e a restrición de xuntanzas de persoas non conviventes entre a 1 e as 6 horas en toda Galicia. Durante o resto do día, o encontro entre non conviventes cínguese a un máximo de castro persoas en interiores e de seis en exteriores. Todas estas normas deben ser avaladas polo alto tribunal. 

Noticias web

11/05/2021