CRTVG

Buscar

Os indultos aprobaranse nas próximas semanas e Sánchez informará o Congreso

Publicado o 15/06/2021 10:45

O presidente do Goberno Pedro Sánchez comparecerá no pleno do Congreso a primeira semana de xullo para explicar os indultos aos políticos independentistas presos que o Executivo prevé aprobar proximamente.

Segundo sinalou en conferencia de prensa a voceira do PSOE no Congreso Adriana Lastra, na mesma sesión tamén dará conta das conclusións do vindeiro Consello Europeo, que terá lugar os días 24 e 25 de xuño.

A Xunta de Voceiros aprobou este martes a comparecencia de Sánchez a pedimento propio, que previsiblemente sería o mércores 7 de xullo, xa que a última semana de xuño non hai pleno.

Lastra lembrou que o PP solicitara a comparecencia de Sánchez para explicar as xuntanzas do último Consello Europeo de maio, pero ao ter lugar outro cumio ordinario en xuño, o presidente acudirá ao Congreso logo dese encontro.

Todo parece indicar que o Consello de Ministros podería dar para adiante aos indultos a semana previa á comparecencia de Sánchez, pero Lastra puntualizou que debe manter a prudencia.

"Malia que tamén lles digo que a semana pasada anunciei que o presidente explicaría a súa posición e a do Goberno unha vez adoptada esa decisión, como sempre fai", recalcou.

Denuncia do PP

Por outra banda, a voceira do PP no Congreso Cuca Gamarra lamentou que a Xunta de Voceiros rexeitase con anterioridade a súa petición dun pleno monográfico de Sánchez para explicar estas medidas de graza.

Na Xunta deste martes, o PP denunciou que o Goberno e os seus socios parlamentarios "bloqueen" as peticións de comparecencia que piden os populares.

"Xustiza remata os expedientes"

Á primeira hora, a vicepresidenta primeira do Goberno Carmen Calvo insistía en que os indultos para os líderes independentistas en prisión "están preto" e non descartaba que o Consello de Ministros puidese aprobalos a primeira semana de xullo "ou antes".

Nunha entrevista en Canal Sur Radio, Calvo asegurou: "O Ministerio de Xustiza está a terminar os expedientes, que son, como todo o mundo sabe, individualizados, como non pode ser doutro xeito, e están a concluír todo ese traballo".

"Cando dicimos, e eu mesma o dixen, que están preto é porque a semana que vén ou a seguinte, en non moito máis que dúas ou tres semanas, teñen que estar rematados", explicou a vicepresidenta. Ademais, defendeu que estes prazos non se diferencian da tramitación de calquera outro indulto.

"É así como van todos os indultos, eu comprendo que estes teñen unha relevancia política  importantísima e ninguén llela pode quitar. Eu tampouco, como é lóxico. Pero non deixan de ser tramitacións desde o punto de vista administrativo todas iguais, expedientes individualizados que son moi rigorosos", subliñou.

"Fin superior ao beneficio persoal"

Neste sentido, salientou que "cando se indulta unha persoa no noso país é porque hai dereito a pedir ese indulto, como en todas as democracias do mundo". En consecuencia, a situación dos presos polo procés "non deixa de ser unha situación normal" na que "hai que ver moi ben que ocorreu, por que razóns o Goberno decide que unha parte da condena xa non se cumpre (...), porque se persegue un fin maior que o beneficio persoal de quen se vai indultar".

Ao seu xuízo, en calquera indulto "hai un beneficio que é para todos por riba da persoa concreta sempre, mesmo para unha persoa anónima cunha condena do Código Penal que funciona cada día, como un furto ou calquera tipo de delito, hai algo superior a ti que se está a buscar co indulto".

"Non deixan de ser indultos normais e correntes en que todos os informes que hai que solicitar requiren logo algún tempo para ir terminándoos, pero nese sentido non teñen máis diferenza. Por iso digo que cedo, porque o ministro de Xustiza estivo no meu despacho non hai máis de oito días e díxome que os estaban xa perfilando todos e que eu xa soubese cando os podía levar á orde do día", engadiu.

Calvo sinalou que se poderían aprobar a primeira semana de xullo ou antes: "Canto antes rematemos mellor, porque este é un debate en que o Goberno está a facer unha aposta firme, harmoniosa e mirando ao futuro dunha España que é con Cataluña e dunha Cataluña que ten que empezar a levantar dez anos moi frustrantes para a cidadanía, en que Cataluña perdeu moito máis".

Noticias web

15/06/2021