CRTVG

Buscar

Calvo acusa o PP de ir detrás da ultradereita a Colón para enfrontar Cataluña e España

Publicado o 09/06/2021 15:44

Tirapuxa entre o Partido Popular e o Goberno na sesión de control a conta dos indultos. A voceira Cuca Gamarra dixo que se vai pasar dun referendo ilegal a un referendo pactado á marxe da Constitución para beneficiar ó executivo.

A vicepresidenta Carmen Calvo acusou os populares de non ser alternativa nin ter ningún plan e de ir detrás da ultradereita a Colón para seguir enfrontando Cataluña con España. Salientou o feito de que destacados baróns do Partido Popular anunciaran que non van acompañar a Pablo Casado "na segunda parte da foto de Colón", en alusión a Alberto Núñez Feijóo, Alfonso Fernández Mañueco ou Juanma Moreno. Así contestou na sesión de control ao Goberno á portavoz do Grupo Popular no Congreso.

Cuca Gamarra solicitoulle ao Executivo non tomar por "parvos" os españois porque xa está "tomada" a decisión de indultar e de dar pasos na mesa de diálogo. Ademais, Gamarra emprazou a vicepresidenta a explicar no Congreso por que acepta o Goberno "como interlocutor oficial a un condenado por sedición e malversación", en alusión ao líder de ERC, Oriol Junqueras. "Pídolle que o explique, se é que pode", nunha cuestión da que non obtivo resposta.

Tamén o ministro de Xustiza tivo que responder sobre os indultos. Di que é tan legal concedelos como denegalos e que cando chegue o momento comparecerá no Congreso para explicar a decisión.

Noticias web

09/06/2021