CRTVG

Buscar

Calvo acusa a oposición de "estar xogando co estado de alarma"

Publicado o 15/04/2021 09:54

A vicepresidenta primeira do Goberno, Carmen Calvo, acusou hoxe á oposición de "estar a xogar co estado de alarma" porque os mesmos que criticaron ao Executivo cando o ampliou seis meses agora "din o contrario cando estamos mellor" e opóñense a que decaia o 9 de maio.

Nunha entrevista en Canle Sur Televisión, Calvo lembrou que o PP dixo moitas veces cando o goberno decretou por seis meses o estado de alarma ata o 9 de maio que era un "atropelo legal e unha ditadura constitucional" e, con todo, agora pide que se prorrogue e, ademais, cun discurso distinto dentro do PP entre o seu presidente, Pablo Casado, a presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e algúns presidentes autonómicos.

Calvo dixo que Casado "non está á altura do ser o líder da oposición nunha democracia" porque onte dixo no Congreso que "España é o peor país do mundo" e iso "non se lle di nunca ao teu país", apostilou. Reiterou que o goberno mantén a súa decisión de levantar o estado de alarma en España o 9 de maio e asegurou que a "lexislación sanitaria ten recursos máis que suficientes, xa que salvo confinar e inmobilizar aos cidadáns nas súas casas, case todo o demais pódese facer".

Tras incidir en que hai "armas xurídicas suficientes", sinalou que os tribunais no 99 % dos casos deron a razón aos executivos nas súas decisións de xestión da pandemia e, ademais, indicou que se conta co Consello Interterritorial de Saúde para adoptar as decisións de forma flexible e contundente en función das circunstancias de cada comunidade autónoma.