CRTVG

Buscar

Calviño prevé impactos "pouco significativos" na economía polo coronavirus

Publicado o 04/03/2020 11:32

A vicepresidenta económica do Goberno, Nadia Calviño, valorou este mércores os posibles impactos na economía española pola epidemia do coronavirus como "pouco significativos", pero matizou que as estimacións que barallan deben tomarse con "gran cautela".

Nun almorzo informativo para apoiar ao candidato á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, Calviño explicou que, polo momento, España está nunha fase na que é "difícil anticipar e estimar cal pode ser o impacto" da enfermidade na economía do país.

A tamén ministra de Economía afirmou que, en calquera caso e atendendo a experiencias similares no pasado, os impactos previstos serían "transitorios" e asegurou que se prevé unha recuperación económica nos "próximos trimestres".

Calviño comentou que hoxe participará en dúas teleconferencias do Fondo Monetario Internacional (FMI) e do Eurogrupo para escoitar cales son as propostas e as medidas que se poden adoptar nos distintos territorios, xa que cada un presenta situacións distintas.

"O Goberno español vai seguir a situación puntualmente hora a hora, para reaccionar con eficacia e con rapidez no momento en que haxa un cambio da situación e seguir desde o punto de vista sanitario as recomendacións que nos fan as autoridades de saúde pública", sinalou.