Caída histórica dun 70 por cento na venda de turismos en marzo

As matriculacións de turismos e todo terreo novos rexistraron en marzo unha caída histórica do 69,3 por cento respecto do mesmo mes do ano anterior, ata as 37.664 unidades, a segunda cifra máis baixa desde que se teñen rexistros (ano 2000) e por detrás da de setembro de 2012 (35.148).
Lastrada pola crise do coronavirus, a comercialización de turismos a particulares baixou o 67,5 por cento (16.871 matriculacións), a empresas o 66,9 por cento (12.613) e a empresas de alugueiro o 74,9 por cento (8.160), segundo datos das asociacións Anfac (fabricantes), Faconauto (concesionarios) e Ganvam (vendedores).
No acumulado do primeiro trimestre, a caída é do 31 por cento, ata as 218.705 matriculacións. En xaneiro, as matriculacións de turismos baixaran o 7,8 por cento, rompendo con catro meses seguidos de subidas, e en febreiro descenderon o 6,03 por cento.