CRTVG

Buscar

Os casos activos en Galicia caen ata os 5.508 (-101), pero soben as hospitalizacións

Publicado o 28/12/2020 09:49

• Só a área sanitaria de Lugo aumenta os seus casos activos

• As persoas ingresadas en planta aumentan (+17) e xa hai máis de 350

• Soben as PCR, aínda que seguen por debaixo das cifras das semanas pasadas

 

Os casos activos en Galicia caen ata os 5.508 (-101), pero soben as hospitalizacións

Baixan os casos activos en Galicia por terceira xornada consecutiva. Segundo os últimos datos do Sergas, hai 5.508 casos activos con coronavirus, 101 menos ca onte.

Por áreas sanitarias, a repartición é a seguinte:

• Santiago: 1.347 (-5)

• Vigo: 1.177 (-49)

• Pontevedra: 866 (-30)

• A Coruña: 860 (-13)

• Ourense: 525 (-15)

• Lugo: 397 (+23)

• Ferrol: 336 (-12)

 

Forte aumento das hospitalizacións

Malia que os últimos tres días os casos activos descenderon, o número de persoas ingresadas non parou de medrar aos poucos, sendo hoxe o día coa maior suba. Hai 353 persoas ingresadas: 58 nas UCI (mesma cifra ca onte) e 295 en planta (17 máis ca as notificadas onte).

Así, o número de persoas en planta regresa aos niveis da semana pasada. No que respecta ás UCI, este retrocede aos de hai tres semanas, que andaba nos 60.

Onte o Sergas notificou o pasamento dunha persoa por mor da covid-19 en Galicia, o que eleva a cifra de vítimas no país a 1.270.

Suba das PCR, caída da positividade

As datas posteriores ao Nadal o número de PCR rexistradas foi sensiblemente menor, como podía esperarse. O día 27 este número caeu ata as 2.853, unha cifra baixa que non se vía dende o 8 de setembro. Hoxe notificáronse 5.024, 2.171 máis ca onte.

Delas, deron positivo 277, sendo a área que máis contou a de Santiago (70), seguida da de Vigo (51) e a da Coruña (50).

A positividade cae tras dous días con cifras máis elevadas do que estabamos habituados ultimamente. Posiblemente, estas poderían deberse á baixada das PCR, que estarían máis afinadas a pacientes con sintomatoloxía e non aos cribados masivos das últimas semanas, que tenden a reducir a taxa de positividade media.

Así, esta sitúase en 5,51 % para a xornada de onte. A taxa de positividade media dos últimos sete días elévase medio punto respecto aos valores da semana pasada, ata o 4,56 %.

Mapa de incidencia por concellos