CRTVG

Buscar

Os bombardeos de Israel en Gaza deixan máis de cen mortos, entre eles 27 nenos

Publicado o 13/05/2021 21:12
EFE

O Exército israelí e as milicias palestinas na Franxa de Gaza mantiveron hoxe, por cuarto día consecutivo, a escalada bélica que causou xa 110 mortos e que, mentres mediadores internacionais tentan deter, podería estalar noutra devastadora guerra se Israel aplica os seus plans dunha operación terrestre.

Pola noite, tres foguetes lanzados desde Líbano cara a Israel, ata o momento sen que se reclamase a aúa autoría, introduciron outro factor impredicible na tensa situación en que as tropas israelís xa están mobilizadas en torno ao enclave.

Tras unha madrugada de incesantes disparos desde o enclave, a continuación dos ataques por parte de ambos os bandos forzou hoxe ás poboacións de Gaza e das comunidades israelís lindeiras a quedaren resgardadas. As alarmas antiaéreas volveron soar na cidade de Tel Aviv, que nesta escalada se converteu en obxectivo recorrente das milicias palestinas, e activáronse tamén en Eilat, no extremo sur do país, cuxo aeroporto se pechou polo lanzamento dun mísil.

Foron polo menos 160 os proxectís disparados hoxe desde Gaza cara a territorio israelí, 30 dos cales caeron dentro do enclave. Estes disparos elevaron a cantidade total desde o inicio da escalada a máis de 1.750. Desa cifra, segundo o Exército israelí, 300 caeron dentro de Gaza e centos foron interceptados polo sistema antimísiles Cúpula de Ferro.

Israel, pola súa banda, bombardeou hoxe sitios desde os cales as milicias lanzaban foguetes e tamén plantas de fabricación de foguetes no centro do enclave. Entre os obxectivos atacados hoxe, todos eles presuntamente pertencentes ao movemento islamita Hamas, incluíronse tamén catro apartamentos utilizados por altos cargos do grupo para a planificación de operacións, un cuartel de intelixencia e a residencia dun miliciano ao que describiron como encargado da unidade de drons do grupo.

Os incidentes de hoxe causaron novas vítimas mortais en Gaza, onde segundo o Ministerio de Sanidade 103 persoas faleceron no últimos catro días, incluídos 27 nenos e 11 mulleres. En Israel non se rexistraron hoxe novos mortos. O último falecido en Israel é un neno de cinco anos que morreu onte, mércores, na cidade de Sderot tras impactar un foguete na vivenda da súa familia.

Ao longo de hoxe e ante a continuación dos ataques desde Gaza, empezou a gañar forza a posibilidade dunha operación terrestre israelí. O Exército confirmou o envío de tropas á fronteira con Gaza. "Temos unidades terrestres que están preparadas e atópanse en varias etapas de preparación de operacións terrestres", dixo un portavoz militar.

En relación a esta posibilidade, un portavoz das Brigadas al Qasam, brazo armado de Hamas, sinalou hoxe que "calquera incursión terrestre en calquera área da Franxa de Gaza será unha oportunidade para aumentar a cantidade de inimigos mortos e capturados".

En paralelo con estas ameazas, por outra banda, Exipto, habitual mediador entre Israel e as milicias en Gaza, busca evitar unha cuarta guerra na zona. Con ese obxectivo, enviou unha delegación hoxe a Tel Aviv para tentar xestionar un cesamento do fogo, aínda que fontes exipcias recoñeceron que as autoridades israelís se mostraron "intransixentes" e insistiron na necesidade "dunha ofensiva para responder os ataques de Hamas".

A chegada desta delegación segue á que onte visitou a Franxa de Gaza para debater as condicións dunha tregua con representantes do movemento islamita. Mentres tanto, a comunidade internacional, con Estados Unidos e as Nacións Unidas á cabeza, segue insistindo en que as partes cesen as hostilidades. O secretario xeral da ONU António Guterres propuxo hoxe convocar unha reunión urxente do Cuarteto de Oriente Medio (Rusia, EUA, ONU e a Unión Europea), non só para tentar mediar senón tamén para renovar o proceso de paz.

Noticias web

13/05/2021