CRTVG

Buscar

Cae unha rede que introducía grandes cantidades de haxix desde Marrocos

Publicado o 05/06/2021 12:10

Axentes da Garda Civil detiveron once supostos integrantes dun grupo criminal especializado en introducir grandes cantidades de haxix en España desde Marrocos para a súa distribución posterior noutros países europeos.

Están implicadas empresas de transporte de Pontevedra, Málaga e Barcelona.

Incautáronse de 1.035 quilos de haxix, de dúas embarcación de gran potencia, varios camións, furgóns e vehículos de alta gama. Dous supostos membros da organización, encargados da introdución da droga por vía aérea, faleceron nun accidente de helicóptero.

A rede dispuña dun hangar na localidade malagueña de Casares para repostar un helicóptero que usaban para mover a droga. As investigacións comezaron tras detectar un grupo delituoso composto por persoas de varias nacionalidades que contactaban para adquirir cantidades importantes de haxix en Marrocos para trasladalas a España por diferentes vías.

Na primeira intervención localízase un camión cargado con 705 quilos de haxix agochados nun cargamento de aceite de oliva destinado a Francia. A organización tivo contratempos como a perda do rastro dunha embarcación a 50 millas da costa de Granada, sen que se tivesen máis noticias da súa localización.

Na última fase da operación policial desmantelouse a estrutura ilegal e aprehendéronse dúas embarcacións de 12 e 16 metros de eslora, con motores de 900 cabalos e preparadas para traer o haxix desde Marrocos.





 

Noticias web

05/06/2021