CRTVG

Buscar

Cae unha rede que distribuía cocaína desde a Arousa a distintos lugares de España

Publicado o 29/01/2019 22:37

Novo golpe ao narcotráfico coa detención dun dos presuntos narcotraficantes que nunca chegou a ser condenado e que continuaba en activo na comarca da Arousa. Os axentes da UDYCO, a Unidade contra a Delincuencia e o Crime Organizado da comisaría de Pontevedra, detiveron tres persoas. Unha delas é Braulio Vázquez, un dos supostos narcotraficantes que seguía relacionado co tráfico de cocaína na contorna da ría de Arousa, pero que sempre logrou escapar da policía e da acción da xustiza.

Tras o paso a disposición xudicial no Xulgado de Instrución número 2 de Vilagarcía, decretouse o ingreso na cadea de dous dos arrestados, mentres un terceiro queda en liberdade con cargos.

Os axentes da Policía Nacional tamén se incautaron de varios alixos de droga nos rexistros practicados en diversas vivendas e vehículos.

Tres detidos. É o resultado da operación comandada por axentes da Policía Nacional e da Axencia Tributaria, coa que desartellaron este grupo criminal asentado na comarca da Arousa, e dedicado á distribución de grandes cantidades de cocaína a outras comunidades autónomas.

Este é o momento do paso a disposición xudicial dos arrestados. Un deles é Braulio Vázquez, vello coñecido da policía por ser un dos supostos narcos que nunca chegou a estar condenado e que continuaba en activo exercendo como líder da banda.

Ademais os axentes comisaron catro quilos de cocaína agochados nun vehículo e outro medio nunha das vivendas onde se efectuaron varios rexistros domiciliarios en Vilanova de Arousa. No dispositivo participaron tamén axentes do Grupo de Operacións Especiais e guías Caninos.

Tras o paso ante o xuíz nos xulgados de Vilagarcía de Arousa, dous deles ingresan en prisión mentres o terceiro queda en liberdade con cargos.




 

Noticias web

29/01/2019