Cae unha mafia chinesa de tráfico de drogas e branqueo con empresas de paquetería
A Policía e a Garda Civil desmantelaron unha organización da mafia chinesa dedicada ao tráfico de droga internacional e branqueo de capitais a través de empresas de paquetería, coa detención de 38 persoas en varias provincias, entre elas Lugo.
A operación conxunta das forzas de seguridade e da Axencia Tributaria desenvolveuse, ademais de en Lugo, en Madrid, Salamanca, Toledo e Asturias, onde se practicaron tanto rexistros como detencións. Na provincia das Palmas tamén detiveron unha persoa.
Dos 38 arrestados, 23 ingresaron en prisión acusados de pertenza a unha organización criminal, delitos contra a saúde pública e usurpación de estado civil, entre outros.
Desarticulada una mafia china dedicada al narcotráfico internacional y blanqueo a través de empresas de paquetería
— Policía Nacional (@policia) February 8, 2021
Detenidas 38 personas en #Madrid #Salamanca #Toledo #Asturias #Lugo y #LasPalmas pic.twitter.com/VYnh7C350w
Os rexistros foron realizados en domicilios, establecementos comerciais e empresas de paquetería.
A rede utilizaba as mesmas canles para o envío de substancias estupefacientes e de grandes cantidades de cartos en efectivo a países como Italia e Portugal. Estímase que poderían estar evandindo ata medio millón de euros cada mes.
Na operación interceptaron máis de media tonelada de marihuana, 2 quilogramos de metanfetamina, 160.000 euros en efectivo, 12 vehículos -sete de alta gama-, xoias e reloxos de luxo, así como dúas armas de fogo modificadas e outros efectos e documentos.
Ademais, foron desmanteladas tres plantacións en interiores e incautáronse de máis de media tonelada de marihuana preparada para o seu envío ao estranxeiro.
Os axentes detectaron en abril de 2018 envíos de grandes cantidades de marihuana a Francia para a súa posterior comercialización.
A investigación situouse nunha organización criminal chinesa, que podería estar utilizando unha rede de empresas de paquetería postal rexentadas por cidadáns desa nacionalidade como elemento intermediario facilitador da súa actividade ilegal.
Segundo a Dirección Xeral da Policía, este grupo desmantelado estaba xerarquizado e tiña un alto grao de especialización e profesionalidade. Estaba estruturado en células encargadas do cultivo de forma masiva en plantacións tipo indoor en naves industriais e vivendas illadas de gran tamaño, mentres outras se encargaban do envasado e envío ao estranxeiro mediante as empresas de paquetería.
Os membros da rede que estaban en situación irregular utilizaban documentos doutros cidadáns chineses, roubados ou prestados por outros membros da organización, o que dificultaba a súa identificación real.
Segundo a Policía, estas organizacións adoptan un alto grao de opacidade e hermetismo nas comunidades e zonas onde se asentan, tratando de pasar desapercibidas e dificultando a súa detección polos distintos corpos policiais.