Cae en Sevilla unha rede de tráfico internacional de marihuana con 20 detidos
A Garda Civil desmantelou en Sevilla unha rede dedicada ao tráfico internacional de marihuana nunha operación na que se arrestaron dunha vintena de persoas, once en España e nove Francia, Italia, e Polonia. Incautáronse de 235 quilos de marihuana. A organización tiña relacións con outras de máis de 40 países nos cinco continentes e usaba un restaurante nun polígono industrial de Sevilla como tapadeira para encubrir as súas actividades.
A operación comezou cando se inrterceptou un paquete en Leipzig, na Alemaña, con 7 quilos de marihuana coa orixe en Sevilla e con destino final no Reino Unido. As investigacións levaron ata un polígono industrial na capital andaluza. Alí abastecíanse de diferentes produtores de marihuana, que cultivaban en zonas urbanas cunha planta de pequena altura e que producía grande cantidade de gromos nun pequeno espazo.
Para os envíos utilizaban empresas de transporte en partidas pequenas co contido agochado como utensilios de hostalería, alimentación ou roupa e con destinos variados. Os axentes da Garda Civil aprehenderon algúns dirixidos a Holanda, Italia, Polonia, Francia, o Reino Unido, Bélxica e Hungría. Como son países do convenio Schengen poderían ser destino final ou tránsito cara a outros lugares.
Houbo rexistros en distintas localidades andaluzas coa aprehensión de documentación, cartos en efectivo, distintos útiles para envasado ou pesaxe da droga e 250 plantas de marihuana nun local.