CRTVG

Buscar

Cae en Málaga unha rede de tráfico de cocaína que lideraba o conserxe dun colexio

Publicado o 11/04/2021 13:49

A Policía Nacional e a Garda Civil detiveron sete persoas e aprehenderon máis de dous quilos de cocaína, vehículos de luxo, varias embarcacións e máis de 10.000 euros dunha organización de tráfico de cocaína que lideraba o conserxe dun colexio malagueño. O principal investigado traballaba nun centro de Marbella, contaba cun patrimonio superior ao medio millóns de euros e tiña propiedades a nome de familiares.

A rede realizaba envíos de cocaína, en cantidades próximas ao quilo, a diferentes puntos de Andalucía, onde a vendían despois en cantidades inferiores. O entramado estaba asentado na Costa do Sol e distribuían a droga desde Málaga ata Almería e Granada. O alto nivel de vida do principal responsable da organización levantou as sospeitas policiais sobre as actividades supostamente delituosas.

Os axentes identificaron os condutores dos vehículos durante os traslados da droga a distintas localidades andaluzas. Tamén localizaron os destinatarios da mercadoría ilegal que a distribuían aos consumidores finais en cantidades pequenas.

As investigacións permitiron as detencións e a posta a disposición xudicial dos implicados.

Noticias web

11/04/2021