CRTVG

Buscar

Cae co coche por unha ponte e resulta ileso

Publicado o 23/07/2021 15:15

Envorcado á beira do río Mendo. Así quedou o vehículo tras saír da estrada, a DP-3203, ao seu paso polo lugar de Burricios, e romper a barreira de protección metálica. "Venceu e caeu pola ponte cara ao río, cunha caída duns catro metros", explica José Antonio García Varela, efectivo do GES de Curtis.

Pasaban dez minutos das nove da mañá e foi un particular quen alertaba os servizos de urxencias. "Nun primeiro momento non se sabía cantos ían no vehículo nin se había atrapados...", engade José Antonio García.

E por iso, nun primeiro momento, mobilizouse unha ambulancia asistencial do 061 e tamén á médica e un enfermeiro do centro de saúde de Oza-Cesuras, que se trasladaron ao lugar en taxi. Porén ao pouco xa comprobaron que o condutor era o único ocupante do coche e que resultara ileso. "Despois xa vimos que era só o condutor e que apenas tiña feridas. Se o coche chega a caer ao río e el quedara atrapado, coa cabeza metida na auga e inconsciente, tería sido moito peor", di José Antonio García.

Malia a aparatosidade do accidente, o mozo, duns trinta anos, tan só sufriu magalladuras nun brazo e tiña a marca do cinto no pescozo. A Garda Civil de Tráfico investiga agora as causas do sinistro.
 

Noticias web

23/07/2021