Cadea humana solidaria no barrio coruñés do Ventorrillo para facer chegar preto de 1.300 quilos de alimentos
Malia o momento que atravesa a hostalaría, Fran non dubidou sumarse e dar visibilidade á iniciativa solidaria do seu barrio O Ventorrillo, na Coruña. O seu bar foi un dos puntos de recollida de alimentos. En menos de dúas semanas, entre clientela e veciñanza, deixaron aquí 200 quilos de comida.
Para facer chegar todos estes alimentos ao seu destino os veciños formaron unha cadea humana. Maiores, mocidade e pequenos serviron de ponte entre os case 150 metros que separan o bar de Fran da sede da Asociación de Veciños, outro dos puntos de recollida. En total xuntaron preto de 1300 quilos de alimentos.
O club de fútbol sala do barrio foi o impulsor da iniciativa, á que tamén se apuntou o club de patinaxe Galicia Rollers e a propia asociación veciñal.
Todos estes alimentos terán como destino a asociación Renacer Coruña, de axuda a persoas en risco ou situación de exclusión social.