Cada ano morren en Galicia 800 persoas por paradas cardíacas
Hoxe é o Día europeo de concienciación ante o paro cardíaco. Responsables de emerxencias destacan o importante que é aprendermos a actuar nestes casos.
No pavillón multiusos do Sar, en Santiago, explican como debemos actuar ante unha parada cardiorrespiratoria. O primeiro, chamar os equipos de emerxencia.
"Cando nós recoñecemos unha parada cardíaca, vemos que a persoa está inconsciente e non respira, debemos chamar o 061 e alí vannos guiar", asegura Marta Dorribo, directora asistencial do 061.
Despois de avisar, o máis urxente é facer a reanimación cardiopulmonar. Por cada 30 contraccións, debemos insuflar dúas veces.
"No centro do peito poñemos a palma da man e a outra entrelazámola. Hai que baixar o peito 5 ou 6 centímetros", subliña Martín del Río, técnico sanitario.
Outra manobra fundamental é facer unha desfibrilación o máis axiña posible, a poder ser antes de que pasen 5 minutos.
"Nunca utilizara o desfibrilador e penso que é moi necesario porque non o sabía utilizar. Se estás nun espazo público podes salvar unha vida con iso, é algo sinxelo", comenta unha asistente. "Vir a un partido e que cho expliquen tan concienciudamente é estupendo", comenta outra.
Cada minuto conta
"Cada minuto que se atrasa facer as manobras que facemos hoxe aquí, diminúe a supervivencia entre un 7 e un 10 por cento", alerta Adriana Regueira, directora da Fundación Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Cada ano falecen en Galicia preto de 800 persoas por paradas cardíacas. Saber actuar nestes casos pode axudar a salvar moitas vidas.