Cabuxa, primeiro queixo galego de cabras de raza suíza
A familia medra nesta queixería de Vilalba. A saga comezou cos tradicionais San Simón e Tetilla. Despois chegou o azul para revolucionalo todo. Unha aposta pola innovación que agora completan con Cabuxa, feito con leite de cabras suízas criadas en Galicia.
Cómpranlle todo o leite a un cabreiro de Arzúa. Despois de pasteurizalo e callalo, moldean o queixo dun xeito similar ao de vaca. Máis tarde, cúrano nunha cámara especial, sobre táboas de madeira, durante dous meses. Os baños en aceite de oliva conforman unha codia comestible para un queixo suave, para ser de cabra.
A fórmula está a ser un éxito e queren ampliar a produción. Andan á procura de máis leite de cabra galego e animan os gandeiros a aproveitar os pastos abandonados da chaira.
Están convencidos de que o rural ten moito que ofrecerlle á xente que, coma eles, colleu a remuda dos pais e innovou para adaptarse ao mercado.