Cabo chega xusto ao inicio da Liga ACT tras una pretemporada curta
A bandeira da Coruña desta fin de semana chégalle a Cabo con poucos adestramentos no mar tras a pretemporada máis curta e insólita da historia.
"Non estamos preocupados polo tema descensos nin nada diso. Temos equipo para estar ben na segunda quenda. Con nove sesións de adestramento vai a cousa un pouco xusta. Aínda hai problemas nas mans, coas rozaduras e todo iso", comenta Benigno Silva, adestrador de Cabo de Cruz.
O proxecto de Cabo é de futuro, seguir medrando ano tras ano. O esforzo do club na formación de remeiros empeza a dar resultados.
"O proxecto de Cabo é un proxecto enorme, diría eu. Con tres equipos de alto nivel creo que nos podemos medir cos grandes: Orio, Hondarribia e Donostiarra, e despois estaría Cabo", di Silva.
As tripulacións vascas chegarán ao inicio da Liga Eusko Label cunha semana máis de adestramento cas dúas embarcacións galegas. Cabo protesta: "Se somos unha asociación, somos doce, somos un grupo, mentres un non empece, os demais tampouco. Non creo que na Liga ACB, na ASOBAL, na Liga Santander se permitira que uns empezasen a adestrarse e outros non", quéixase Benigno Silva.
Para cubrir as sete baixas que sufriu Cabo na que vai ser a súa sétima temporada consecutiva na ACT chegaron outras tantas fichaxes.