Investigan a aparición de dous cabalos mortos e un desnutrido
Dous cabalos mortos e un terceiro desnutrido é o que atoparon os axentes da Policía Autonómica nun terreo de Meis. O cabalo sobrevivente está custodiado pola protectora de Cambados. O propietario do terreo prestará declaración mañá en dependencias da Policía Autonómica en Pontevedra.
Neste monte de Meis apareceron os dous cabalos mortos: un cabalo e unha egua, ademais destoutro cabalo en estado de desnutrición que xa está baixo a custodia do Refuxio de Animais de Cambados. O propietario dos animais prestará declaración en dependencias da Policía Autonómica de Pontevedra este luns.
Foron precisamente os axentes autonómicos os que detectaron o estado dos animais e fixeron posible que este terceiro cabalo se recupere co apoio do Refuxio da Protectora de Animais de Cambados.
O propietario dos animais xa é reincidente porque foi investigado hai anos por un caso similar.
A egua xa foi soterrada probablemente na mesma leira, pero hoxe aínda quedaba no lugar outro cadáver. Tras a declaración policial do propietario, un empresario de Meis, un xulgado decidirá quen asume a custodia definitiva do animal sobrevivente.