Caballo: "Coido que a clasificación, a simple vista, engana moito"
A posta en escena do Deportivo co Lugo parece que está moi decidida. Con Quique González e Borja Valle ou Carlos Fernández de parella atacante pero coa dúbida de toda a temporada. Se hai un posto que alterna Natxo González ese é o de lateral esquerdo. Saúl ou Caballo. E así desde o inicio da campaña. Caballo entrou con forza na liga, Saúl cumpriu. Posto garantido. Falta por saber quen será o propietario da banda esquerda o domingo.
Catorce puntos separan o Deportivo do Lugo na táboa. Caballo non lle presta atención ao dato: "Non creo que sexa a diferenza na clasificación o que faga un partido máis doado ou máis difícil. Estamos vendo que calquera equipo che pode complicar as cousas ou gañarche. Coido que a clasificación, a simple vista, engana moito".
Dos últimos dezaoito puntos, o Deportivo só acadou nove. Para Caballo non hai motivo para a inquedanza: "Coido que é bastante esaxerada. Os resultados son os que son e non se pode enganar a ninguén. É certo que non se pode estar sempre igual de ben ou de mal. Pouco a pouco se irá mellorando. Tamén se van apertando moito as cousas. Os equipos xa saben como xogas e todo é máis complicado do que podía parecer ao principio".
Será o Lugo outro dos que lle teñan tomada a matrícula aos de Natxo González? O domingo sairemos de dúbidas.