CRTVG

Buscar

Caballero ve "desnortada" a política de rastrexo de infectados en Galicia

Publicado o 16/11/2020 12:44
Caballero ve "desnortada" a política de rastrexo de infectados en Galicia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, cualificou este luns de "errática" e " desnortada" a política de rastrexo de contaxios de persoas contaxiadas por coronavirus practicada polo Sergas, que xestiona o sistema público de saúde, e pide cambios no seu funcionamento.

Nunha conferencia de prensa, Caballero destacou que o rastrexo de contaxios é "fundamental para poder acertar na loita contra a pandemia" da covid-19 e que só cun dispositivo "potente" permite a trazabilidade de cada infección.

Con todo, criticou que Galicia se sitúe "na cola de España" en detectar a orixe de cada contaxio, segundo varios informes que indican que "non é capaz de determinar" de onde proceden "dous de cada tres" casos. Caballero atribuíu isto a que a Xunta non pon "suficiente atención" neste asunto.

Sen cifra exacta de rastrexadores

Así mesmo, o dirixente socialista censurou que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, siga negándose a facilitar un dato de rastrexadores en activo en Galicia para que non se fagan comparacións, mentres que o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, foi variando a súa versión sobre a cifra de profesionais activos.

En relación ao estado actual da pandemia, Caballero observou que "segue tendo un alto nivel de intensidade" e advertiu de que hai unha "evolución da presión asistencial" que pode alcanzar niveis alarmantes en camas de UCI dos hospitais.

As residencias, no foco

Tamén sinalou que os efectos da covid-19 seguen notándose con máis forza nas residencias de maiores, despois dunha fin de semana en que se notificaron máis dun centenar de contaxios nun xeriátrico de Mos (Pontevedra).

Por este motivo, exhortou a Xunta a "reforzar" a atención e, unha vez máis, pediu cambiar "os seus hábitos e as súas decisións en canto ás residencias de maiores", onde "seguen existindo erros e hai que marcar unha nova política".

Durante a súa intervención, o líder do PSdeG tamén aludiu á sesión da comisión parlamentaria de reactivación do pasado venres, en que compareceu a conselleira delegada en Galicia da multinacional de residencias de maiores Domus Vi, Xosefina Fernández.

Caballero considerou que o presidente da citada comisión parlamentaria, Diego Calvo, "tivo un comportamento absolutamente fóra de lugar, falando e ocupando un papel de portavoz do PPdeG que non lle corresponde", que impediu ao PSdeG defender adecuadamente a súa postura para "aclarar o que sucede nas residencias de maiores".

O líder do PSdeG opinou que Calvo "estivo improcedente, inoportuno, fóra de lugar de acordo ás normas parlamentarias" e concluíu que "as residencias de maiores seguen sendo o foco de  contaxios e de falecementos máis preocupante", polo que exhortou a estudar a fondo ese asunto.