CRTVG

Buscar

Caballero ve a Xunta 'a rebufo' do Goberno de España e pide axenda propia

Publicado o 20/04/2020 07:17
Caballero ve a Xunta 'a rebufo' do Goberno de España e pide axenda propia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considerou este domingo que a Xunta e o presidente Alberto Núñez Feijóo van a rebufo do Goberno de España e reclamou unha "axenda propia" que atenda as necesidades de Galicia durante a crise espertada polo brote de coronavirus.

Así se expresou Caballero nun comunicado remitido aos medios tras a reunión que mantivo co presidente galego xunto ao resto de líderes políticos da oposición. Nela -segundo trasladou-, Núñez Feijóo comentou os contidos da conferencia de presidentes da mañá.

Así pois, o dirixente socialista xulgou "adecuado" prorrogar por quince días máis o estado de alarma vixente en toda España, ademais de valorar que o Goberno central "estea a estudar as condicións en que os nenos poden saír das casas a partir do día 26 de abril".

Entrementres, criticou o líder do PSdeG que a Xunta "carece dunha axenda propia" e non "asume decisións importantes en materia sanitaria, en materia de residencias" ou "en materia económica" a pesar de dispoñer de "amplas competencias" para iso.

Gonzalo Caballero esixiu ao Executivo autonómico que fortaleza o escudo protector dos servizos sociais para que a cidadanía "non quede na beira" neste momento de adversidade e ofreceu a "man tendida" do seu partido para afrontar esta situación, aínda que lamentou que o actual Goberno non mostra "capacidade de dar resposta aos graves problemas que hai en Galicia".