CRTVG

Buscar

Caballero lamenta que Galicia rexistrara "a maior suba do paro" das comunidades

Publicado o 03/05/2021 14:43

O secretario xeral do PSdeG lamentou que, segundo a última enquisa de poboación activa (EPA), Galicia sexa a comunidade autónoma cunha "maior suba de paro" no primeiro trimestre de 2021.

En conferencia de prensa, Gonzalo Caballero falou dunha caída da produción "sen precedentes" como consecuencia da pandemia da covid-19 e alertou do "efecto devastador" da terceira onda do virus tanto no ámbito sanitario coma no económico.

Lembrou que, nese período, o número de desempregados en Galicia aumentou en 15.700 persoas, un once por cento máis que no anterior trimestre; mentres que en España o paro descendeu en 65.000 persoas.

Estes datos, a ollos do líder socialista, "evidencian que a situación galega foi aínda máis complexa" e "demostran as debilidades e as dificultades" que afronta a poboación deste territorio.

"A Xunta segue coas mans paradas"

"Vemos como a Xunta segue coas mans paradas, cos brazos caídos, sen reactivar a acción económica e política", declarou Caballero, e criticou que o Executivo autonómico renuncie "a ser o motor da reactivación" tras a pandemia.

Por este motivo, quixo tenderlle a man unha vez máis desde o seu partido "para impulsar unha reactivación que o PP non é capaz de canalizar por si mesmo" e que demostra, agregou, xestionar "sen rumbo".

"Aínda a día de hoxe carecemos dunha estratexia para reorientar o futuro", recalcou o dirixente do PSdeG. Do mesmo xeito, censurou a decisión do Goberno galego de constituír unha sociedade público-privada para a xestión dos fondos europeos "sen consultar" cos grupos parlamentarios.

Caballero insistiu "na colaboración" como xeito de atender a todas esas persoas que se senten  "orfas" no económico, mentres que a Xunta unicamente fai "moita estratexia para fóra, moita propaganda", pero "non chegan as medidas" nin as axudas.

Declaración conxunta

Respecto á supresión paulatina da declaración conxunta da renda, proposta polo Goberno central, dixo que "non era o momento", posto que agora a prioridade é que as familias dispoñan de fondos.