"Eu sempre representei o cambio en positivo no PSdeG e vouno seguir facendo”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, estivo este luns no Bos días, onde dixo que "hai que buscar emprazamento alternativo para ENCE". "Son moitos postos de traballo os que están en xogo", asegurou Caballero, que lle pediu á Xunta que se implique.
Respecto á situación da factoría de Alcoa en San Cibrao, no día en que a ministra de Industria se entrevista cos repsonsables máximos da multinacional nos Estados Unidos, dixo: "Hai que buscar unha solución definitiva. Para A Mariña é fundamental. Imos traballar para buscar unha saída. Hai novos investidores. Hai que ver ao longo da xornada que sae da xuntanza e a ver se a ministra consegue que a multinacional proceda á venda".
Gonzalo Caballero tamén se referiu ao congreso que o PPdeG acaba de celebrar, coa reelección de Feijóo como presidente dos populares galegos. "Estivo rodeado do PP máis rancio, da caverna, o PP que quere eliminar a lei da eutanasia e ao que non lle gustan os avances sociais", asegurou.
Canto aos cambios recentes no Goberno de Sánchez e á posibilidade de cambios tamén no horizonte próximo dos socialistas galegos, Caballero dixo: "A política está sempre suxeita a cambios. Eu sempre representei o cambio en positivo no PSdeG e seguireino facendo para avanzar nos retos do futuro pensando no interese dos galegos”.
Gonzalo Caballero di que se sente "moi apoiado pola militancia". "Hai catro anos elixíronme sen o apoio dos baróns do partido. Sigo traballando na liña do que Galicia necesita. Un proxecto verde, feminista, galeguista, federalista. Un proxecto de esquerdas fronte ao PP", afirmou.
"A min preocúpanme os mesmos problemas que aos galegos: retrasos nas citas médicas, listas de espera en atención primaria por primera vez en Galiclia, a saturación dos PAC...” asegurou na entrevista.
Caballero non quixo entrar en cuestións internas do partido. "Eu estou cómodo no debate orgánico. Levo 25 anos no partido e móvome moi ben nese traballo, pero eu non necesito a política para vivir", dixo Caballero.
"Para que o partido avance hai que dar tempo para que xermolen e florezan os proxectos. Hai que seguir remando para seguir avanzando. O contrario que o PP, que está de brazos caídos”, cre o secretario xeral do PSdeG.
"Anunciarei se me presento ou non á reeleción cando toque. Pero eu estou con forza, con ganas, con ilusión. Eu non necesito a política para vivir pero teño un compromiso con un partido que ten que ser un instrumento para servir a Galicia", concluíu Gonzalo Caballero.