CRTVG

Buscar

Caballero reitera que o Porto é o titular do peirao que se afundiu no Marisquiño

Publicado o 19/02/2019 23:37

• O alcalde de Vigo cuestiona a lexitimidade do Parlamento para investigar o accidente e solidarízase coas vítimas

O alcalde de Vigo compareceu esta mañá na comisión de investigación sobre o accidente do Marisquiño. Abel Caballero derivou a responsabilidade do sinistro na Autoridade Portuaria, e cuestionou a lexitimidade do Parlamento para investigar o suceso.

O alcalde de Vigo iniciou a súa declaración solidarizándose cos feridos no accidente do Marisquiño. A continuación, e aferrándose a informes xurídicos, puxo en tea de xuízo as competencias do Parlamento para investigar o suceso e para instalo a comparecer.

"Eu, en base ao artigo 140 da Constitución -dixo Abel Caballero- reclamo para isto e para todo a autonomía dos concellos para exercer as nosas competencias, para levalas adiante, e para responder diante dos plenos e dos cidadáns".

Tanto o BNG coma en Marea coma o PP pedíronlle ao alcalde colaboración para aclarar as causas do accidente e poder depurar responsabilidades.

Olaia Rodil, do BNG, asegurou que ao seu grupo lle dá a impresión de que o alcalde "intenta ocultar algo", porque cando un actúa ben -engadiu- "non ten nada do que preocuparse". "Cando cumpre coas obrigas de maneira escrupulosa non debería ter medo ningún a comparecer", dixo. 

Por parte de En Marea interveu a deputada Carme Santos, quen dixo que "non se pode converter algo tan serio coma esta comisión nun novo show". "A seguridade dos vigueses e das viguesas, e se hai algún tipo de neglixencia por parte da Administración autonómica, da Autoridade Porturaria, e se hai algún desleixo das súas responsabilidades ten que dirimirse nesta comisión", engadiu.

O deputado Alberto Pazos, do PP, puxo en riba da mesa varias preguntas. "E como di vostede que en Vigo as decisións de seguridade as toma o alcalde? Quen tomou a decisión de non comprobar a capacidade de carga daquel recinto cando noutros si que fan a comprobación? Sabe que a Lei de espectáculos públicos o obriga a facer esas comprobacións, sexa de quen sexa o solo? Quen tomou a decisión de non resolver a falla de solicitude de licenza?", preguntou.

O alcalde de Vigo derivou na Autoridade Portuaria toda a responsabilidade do accidente.

"O que ten a propiedade e a obriga de garantir aquilo é o Porto, e eu non asino ningunha responsabilidade. Eu limítome a dicir de quen é a obriga de cada parte en cada momento", mantivo o rexedor. Abel Caballero dixo que o Concello aceptou celebrar O Marisquiño porque contaba coa autorización previa do Porto.

 

Noticias web

19/02/2019