CRTVG

Buscar

Caballero leva ao Parlamento a defensa de Villarino como líder do PSdeG en Ourense

Publicado o 27/04/2021 16:08

Os socialistas galegos arrouparon esta mañá no Parlamento o voceiro do seu partido en Ourense. Gonzalo Caballero defedeu que Rodríguez Villarino siga á fronte do PSdeG na cidade. Descartan que abandone a acta de concelleiro para facilitar as negociacións neste concello, como pide o Partido Popular.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, denunciou a campaña "extremista" que o PP está a levar a cabo contra o portavoz municipal do partido en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, a quen tamén apoiaron os deputados socialistas que interviñeron na sesión plenaria desta mañá.

Caballero ofreceu unha conferencia de prensa xunto a Villarino nas instalacións do PSdeG no Lexislativo galego, onde reprochou unha vez máis aos populares os seus métodos "antidemocráticos" por esixir a retirada da vida política do político ourensán como condición para sumarse a unha moción de censura contra o Goberno municipal de Gonzalo Pérez Jácome na cidade de Ourense.

"Todos os deputados do grupo parlamentario socialista, cando interveñan en sede parlamentaria, abrirán as súas intervencións facendo unha defensa férrea dos valores democráticos fronte ao intento de chantaxe do PP ao candidato máis votado das eleccións municipais de 2019", sostivo o líder do PSdeG.

Así o fixo, por exemplo, o viceportavoz do partido, Pablo Arangüena, quen considerou durante o debate dunha proposta lexislativa que este veto a Villarino "é unha mostra máis de que Vox está no PPdeG" e que actuacións como esta son "caldo de cultivo" para o fascismo.

A estas declaracións respondeu o deputado do PPdeG, Alberto Pazos, que criticou que os socialistas censuren esta petición cando foron "os que pediron que se apartase a Baltar" da Deputación e cando ademais foron os que máis fixeron "por promover a Vox" no Parlamento galego.

Do mesmo xeito que na súa conferencia de prensa do día de onte, Gonzalo Caballero tamén comparou hoxe ao PP co partido de ultradereita e asegurou que o caso de Villarino é aínda "máis grave" que amedrentar aos participantes nun debate, como ocorreu esta semana na campaña electoral da Comunidade de Madrid, posto que os populares tentan apartar a un "representante lexítimo dos cidadáns", algo que -engadiu- "lembra a outros modelos políticos" totalitarios.

"Non podemos ser cómplices con ese tipo de tácticas. O PP considera que é propietario das institucións públicas en Ourense e que pode decidir quen pode estar e quen non pode estar", sentenciou o secretario xeral do PSdeG, que se referiu a Villarino como o "alcalde lexítimo de Ourense".

Noticias web

27/04/2021