CRTVG

Buscar

Caballero di que non abandonará o PSdeG "nun momento difícil"

Publicado o 16/07/2020 21:19

Gonzalo Caballero reúne a Executiva Nacional do PSdeG catro días despois da cita coas urnas para analizar os resultados que os relegan á terceira forza no Parlamento e que xa Caballero a noite electoral dixo que non eran nin satisfactorios nin os agardados.

"Nun ambiente de cordialidade, de fortalecemento, de darlle estabilidade á organización nun momento no que temos que afrontar novos retos. Cremos que a mellor forma de afrontar eses novos retos é darlle ao partido esa forza, esa estabilidade nestes momentos de dificultade", di Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG.

Antes desta Executvia algúns dos principais rexedores socialistas valoraban o revés electoral, como a coruñesa Inés Rey, que chamou a abrir un tempo de reflexión no seo do partido, o compostelán Xosé Sánchez Bugallo recomendoulle ao seu líder aprender do resultado. A última foi a alcadesa de Lugo. Lara Méndez pide unha reflexión que vaia, dixo, máis aló das persoas.

"A reflexión non só é unha reflexión dunha tarde que nos xuntamos é poñemos enriba da mesa posicións que compartamos ou non. O que se trata é dunha reflexión para reforzar o noso proxecto que, en definitva, vai más aló das persoas. O que nos move sempre é o proxecto socialista", afirma Lara Méndez, alcaldesa de Lugo.

Gonzalo Caballero asegura que non vai abandonar o barco socialista neste momento de dificultade.
"Son consciente das dificultades que hai e dos retos que temos que cumprir. A miña responsabilidade é manter o timón do barco en momentos en que os resultados non foron os máis satisfactorios. Tamén cumprirei os catro anos como deputado", asegura Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG.

O que non adiantou Gonzalo Caballero e se se presentará á reelección como secretario xeral. O seu mandato remata o ano que vén. 

Noticias web

16/07/2020