CRTVG

Buscar

Gonzalo Caballero avoga por "abrir as portas" do PSdeG ao "electorado moderado"

Publicado o 13/07/2020 12:27

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, apostou este luns por "abrir as portas" do partido "para estar en contacto co electorado moderado". Así, co obxectivo de analizar os resultados das eleccións deste domingo e "revitalizar" o proxecto, reunirá a Executiva Nacional este xoves.

Nunha conferencia de prensa na sede da formación en Santiago de Compostela, o líder dos socialistas galegos volveu recoñecer que os 15 deputados logrados nestas autonómicas (un máis que hai catro anos, a falta do reconto do voto exterior) son un resultado "insatisfactorio" en vista de que o PP, capitaneado por Alberto Núñez Feijóo, conseguiu a súa cuarta maioría absoluta consecutiva.

"Asumimos o resultado das urnas de onte, nas que avanzamos, pero non na intensidade que esperabamos. A insatisfacción do progresismo galego dáse porque non houbo posibilidades para un cambio en Galicia", expresou.

Por iso, Caballero avogou por "revitalizar" o proxecto para "conseguir que a maioría progresista que hai no país estea activa" e "se poida presentar a unhas eleccións cando estean convocadas".    

Ante a súa "insatisfactoria" estrea como candidato á Xunta, o líder do PSdeG-PSOE asegurou que sente "o apoio moi forte" da dirección federal do partido e da "militancia". De feito, lembrou que foron as bases as que o elixiron en 2017 como secretario  xeral, polo que pensa "cumprir o seu mandato" durante catro anos, ata 2021.

Preguntado sobre se faltou moderación no discurso do PSdeG para obter un mellor resultado, Caballero explicou que dirixe un partido "no centro-esquerda" e "moderado": "Necesitamos abrir as nosas portas para estar en contacto co electorado moderado, centrista".