CRTVG

Buscar

Caballero acusa a Feijóo de "acoitelar os dereitos dos galegos no rural" co peche de oficinas bancarias

Publicado o 13/09/2021 16:26

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegura que "cada semana que pecha unha oficina bancaria nun concello do rural é unha semana na que Feijóo apuñala os dereitos dos galegos que viven no rural, quítalles igualdade de oportunidades e xera unha exclusión financeira para todos eles". Así se expresou este luns en conferencia de prensa conxunta con alcaldes de municipios afectados pola clausura de oficinas de Abanca, nunha semana na que o PSdeG leva ao pleno do Parlamento unha iniciativa en contra destes peches.

Caballero critica que "Feijóo di que aposta polo rural", polo que "non pode permitir o Goberno da Xunta de Galicia que estean a pechar ducias de oficinas bancarias en municipios pequenos de Galicia". "É un retroceso que non podemos permitir", avisa. De tal forma, pide ao Goberno galego "unha discriminación positiva" para o rural. Demanda unha carta de servizos básicos para os cidadáns con independencia de onde vivan.

Ao preguntarlle pola súa opinión acerca de que a Xunta subvencione con preto de tres millóns de euros a Abanca para pór caixeiros mentres a entidade financeira pecha oficinas no rural, Gonzalo Caballero respondeu que "o que Feijóo ten que facer é garantir que non se pechen oficinas bancarias", de forma que "o sistema de caixeiros non pode ser unha escusa" para permitir peches de sucursais.

Noticias web

13/09/2021