CRTVG

Buscar

C's e PP piden que non haxa indultos, UP aposta polo diálogo e Vox anuncia un recurso contra a sentenza

Publicado o 14/10/2019 21:16

A democracia morreu ou o Supremo condena a dous millóns de cataláns. Son algunhas das frases coas que reaccionaron os partidos independentistas.

Gabriel Rufián ERC: "É a maior agresión desde o xuízo o 15 de outubro de 1940 ao presidente Lluís Companys".

Laura Borras, Junts per Catalunya: "A nosa resposta é máis clara ca nunca. Máis urnas e máis política. Contra as sentenza, independencia".

Tamén discrepan, desde extremos opostos, Unidas Podemos, que carga ademais contra a reacción de Sánchez, e VOX, que recorrerá a condena por non contemplar a rebelión.

Santiago Abascal, presidente de Vox: "Parécenos unha sentenza moi desacertada e ao gusto de Sánchez, que saíu inmediatamente aplaudila".

Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos: "Non entendín a dureza das palabras do presidente en funcións. Cando insistía en que as condenas se teñen que cumprir integramente parece que lle esqueceru que dous dirixentes do seu partido, Barrionuevo e Vera, condenados por terrorismo de Estado, foron indultados".

Ciudadanos aplaude que se fixera xustiza e non vinganza. E pide unha xuntanza con Sánchez e Casado.

Albert Rivera, presidente de Ciudadanos: "Imos esixir e imos velar desde a nosa posición política para que non haxa privilexios penitenciarios para ninguén, para que ninguén se beneficie da súa condición de políticos nin de cargo público, e para que non haxa indultos".

Pablo Casado propón quitarlle á Generalitat a competencia sobre os cárceres cataláns.

Pablo Casado, presidente do PP: "Recuperaremos as competencias en materia de administración penitenciaria que o Partido Socialista transferiu en 1983 a Cataluña para así garantir o cumprimento das condenas e que non haxa tratos diferenciados nin discrecionalidade para a aplicación do terceiro grao".

O líder popular propón cambiar o Código Penal para recuperar os delitos de referendo ilegal, rebelión sen violencia ou prohibir os indultos a condenados por rebelión ou sedición. O PSOE responde.

José Luis Ábalos, secretario de Organización do PSOE: "Tampouco parece moi oportuno reaccionar á sentenza propoñendo reformas do Código Penal, pois parece cuestionar e poñer o foco en posibles carencias da sentenza que non son tales".

Para os socialistas, a sentenza pon fin á estratexia fracasada, dixo Ábalos, do separatismo.
 

Noticias web

14/10/2019