Tírase dende Rande o vigués sospeitoso de matar e mutilar outro home en Ponte de Lima
Un vigués de 50 anos, que faleceu na mañá deste mércores tras lanzarse desde a ponte de Rande, é o home ao que buscaba a Policía portuguesa por presuntamente asasinar onte á noite a outro home en Ponte da Lima mutilando os seus xenitais, sinalaron fontes policiais.
Todo apunta, indican as mesmas fontes, a que a motivación do crime é de orixe pasional, tendo en conta que o home asasinado pasaba uns días nunha casa alugada en Gondude cunha muller coa que mantiña unha relación e que era a ex-muller do suicida e presunto asasino.
Foi nesa casa precisamente onde foi achado a primeira hora desta mañá o cadáver cos xenitais mutilados e marcas de diferentes agresións, mentres que a muller, viguesa e duns 40 anos, puido fuxir do agresor e agocharse a pesar de estar coas mans atadas con cables eléctricos, que foi como a atopou a Policía.
A muller, que foi trasladada a un hospital, é quen indicou que o asasino era o seu ex-marido, segundo fontes da Policía portuguesa citadas pola prensa daquel país, o cal non aceptou a fin da relación, segundo o seu testemuño. De acordo cos veciños da zona, a parella estaba desde facía unhas tres semanas de vacacións na zona.
Tras cometer presuntamente o crime, o suicida partiría cara a Vigo no seu propio coche, un vehículo de alta gama que deixou sobre a ponte de Rande, desde o que se precipitou ao baleiro pouco antes das nove da mañá. Dous pescadores deron aviso do suceso e ata o lugar desprazouse un helicóptero e unha patrulleira de Salvamento Marítimo que localizaron sen vida o home.
A Garda Civil, que tamén participou no dispositivo, confirmou que se trata dun suicidio.