CRTVG

Buscar

Buscan un pescador desaparecido na zona de Covas, en Ferrol

Publicado o 21/09/2020 14:47

O home tiña 59 anos e era un afeccionado á pesca deportiva. Ultimamente adoitaba vir ás rochas de Covas, preto da cetaria. E é aquí onde se desenvolve o dispositivo de busca dende a pasada noite. Buscarano por terra e mar e aire, en principio, durante tres días

Covas é unha zona de rochas e cantís. Por iso, ao habitual dispositivo de busca por mar e aire súmase nesta ocasión unha gran despregadura por terra. Uns dez voluntarios de Protección Civil percorren toda a costa. Tamén bombeiros, gardacostas, familiares, amigos, xente da zona e axentes da Policía Local e Nacional.

Aureliano Bacelo, xefe de Bombeiros de Ferrol: "É unha zona de mar batido con cantís, e aínda que a zona en que caeu non é un cantil moi pronunciado é un lugar en que o mar traballa moito. Era un pescador que viña pescar moitas veces e que sabía o que facía".
"E que foi o que puido pasar entón?".  "Iso non o sabemos".

O desaparecido, de 59 anos, saíu da casa o domingo a primeira hora da tarde. Tras varias horas sen saberen del, os seus familiares chamárono varias veces ao móbil. E, ao non o atoparen, rastrexaron a zona onde pensaban que podía estar. Despois, pediron axuda ao 112.
Nese momento activouse un operativo de busca.

Salvamento Marítimo enviou unha lancha, que chegou á zona contra as dúas e media da mañá e durante toda noite percorreu a área máis próxima ás praias de Santa Comba e Ponzos. Con esta lancha colabora a patrulleira río Xallas da Garda Civil. O helicóperto Helimer 402 busca dende o aire.

Se en tres días non se atopase o corpo, a busca interromperíase para retomala en nove días, que é cando normalmente un corpo sae á superficie.

 

Noticias web

21/09/2020