CRTVG

Buscar

Falecen dous mariñeiros do Sempre Güeto, que se afundiu preto de Cedeira

Publicado o 17/06/2021 21:22

• Un deles morreu tras ser evacuado en helicóptero ao CHUAC e o outro foi recuperado sen vida do mar por outro pesqueiro

• Oito tripulantes do barco de Portosín foron rescatados

Salvamento Marítimo

Dous mariñeiros faleceron tras o afundimento do cerqueiro Sempre Güeto, con base en Portosín, sobre as 13:30 horas, cando navegaba nas proximidades de Santo André de Teixido, entre Punta Candieira e o veciño concello de Cariño, ao norte de Cedeira.

Oito tripulantes foron rescatados por barcos que faenaban na zona e foron levados a Cedeira a bordo doutro buque cerqueiro, o Argote 2, tamén con base no mesmo porto. Algúns dos afectados foron trasladados a un centro hospitalario por lesións. 

Un noveno foi rescatado con vida inicialmente. Estaba ferido grave e foi evacuado polo Helimer 402 ata A Coruña. Nunha operación coordinada co CHUAC, o helicóptero aterrou en Alvedro e unha ambulancia do 061 trasladouno ao hospital. Non obstante, finalmente faleceu.

Efectivos de Salvamento Marítimo e Gardacostas de Galicia, xunto a varios barcos pesqueiros, buscaron outro mariñeiro que desaparecera no mar. Finalmente, contra as cinco da tarde, outro pesqueiro atopou o seu corpo sen vida, que foi trasladado a Cedeira. 

O home que morreu no hospital tras ser rescatado polo helicóptero é Francisco Betanzos, de 48 anos, veciño da parroquia de Caamaño, en Porto do Son. Ten un fillo e foi mariñeiro toda a súa vida,  informou a Efe o patrón maior de Portosín Isaac Gaciño. O outro é Aníbal, de 45 anos e nacionalidade marroquí, que levaba moito tempo afincado no mesmo concello. Era moi querido na zona e moi traballador. Despois de moitos anos traballando aquí foise a Marrocos e trouxo a súa familia, relata Gaciño. Gaciño, expresou a súa consternación e asegurou a EFE que é un golpe moi duro e inesperado.

O Sempre Güeto regresaba de Asturias, onde estivo a faenar ata a pasada noite. Fontes do operativo indicaron a EFE que un golpe de mar puido desencadear o afundimento. A ondada e o forte vento nesa zona dificultaron as tarefas de salvamento. A tripulación do Sempre Güeto, que envorcou e cuxa quilla quedou ao sol, foi auxiliada por varios barcos que colaboraron nos traballos de procura.