Detido en Xinzo o home que atacou a súa parella cun machete en Cangas
• Deteñen un home en Alcalá de Henares por asasinar a súa moza
• A deputada de Esquerra Jenn Díaz pronúnciase como vítima da violencia de xénero
Este é o momento en que o acusado de agredir a súa parella cun machete era trasladado dende o cuartel da Garda Civil de Xinzo ata Pontevedra, para pasar a disposición xudicial. Prendérono cando tentaba incorporarse á A-52. Atrás quedaban varias horas de fuxida despois de ferir a súa compañeira sentimental na casa dela, onde tamén estaba a filla da vítima, unha cativa de dez anos, e unha amiga.
Xacobe Melón, policía local de Cangas: "Parece ser que empezaron cunha discusión. Estaba a parella cunha amiga e a filla da muller lesionada. Houbo unha discusión e el colleu un machete e agrediuna dúas veces. Unha machetada no pescozo e outra nas costas".
O suposto agresor, de 55 anos, escapou deixando malferida a muller, de 32 anos, que foi ingresada no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Presenta feridas no pescozo e as costas e o seu estado é grave, pero a súa vida non corre perigo. A nena recibiu atención psicolóxica.
Xacobe Melón, policía local de Cangas: "Fíxose cargo un familiar, un tío, cremos. E dende o primeiro momento coordinouse cos servizos sociais de Cangas para que se prestase axuda necesaria á familia, á nena, un psicólogo...".
O home ten antecedentes por violencia machista contra outra parella anterior.