Buscan un home desaparecido no encoro de Vilasouto, no Incio
A Garda Civil e Protección Civil buscan no Incio un veciño de Sarria de 69 anos que falta do seu domicilio. Deron a voz de alarma os familiares do desaparecido, que lles deixou unha nota en que avisaba de que se dirixía ao encoro de Vilasouto. Xunto á presa localizaron o seu coche cos seus efectos persoais. E moi preto, na ponte, atoparon unha gorra da súa propiedade, que estaba colocada nun lugar visible.
Tanto a familia como os efectivos que foron ata o lugar rastrexaron sen éxito a zona na procura de máis pistas. Tamén acudiron, dende A Coruña, os mergulladores do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas do Instituto Armado, que están a buscar no fondo do pantano. Fano ás apalpadelas, posto que a turbidez da auga resta toda visibilidade.
Respecto ao que lle puido acontecer ao home desparecido, non se descarta ningunha hipótese.