CRTVG

Buscar

Buscan un home desaparecido en Xunqueira de Espadanedo

Publicado o 12/12/2019 20:03

O mal tempo está complicando os labores de busca dun ancián que desapareceu esta mañá no concello ourensán de Xunqueira de Espadanedo. O home, de 74 anos, saíu do domicilio a media mañá e non regresou. Os seus familiares están moi preocupados porque precisa medicación.

Un amplo dispositivo, con base na vivenda familiar, busca a Antonio Pumar Blanco, de 74 anos e veciño de Xunqueira de Espadanedo. Os seus parentes vírono por última vez contra as once da mañá.

 "El, habitualmente, anda por esta zona e non se desvía moito. Pero hoxe non sabemos cara onde foi", di o seu irmán Indalecio Pumar Blanco, irmán do desaparecido

Na busca participan voluntarios de protección civil, os propios veciños e a garda civil, que coordina o operativo.

Un veciño da zona asegura que o viu nun camiño contra as doce do mediodía, nas inmediacións do lugar de Reboreda, onde se concentra agora a busca. Sospeitan que intentara ir ao banco porque levou documentación.

Emilio Aguete Gómez, Voluntario de Protección Civil de Maceda: "Ampliouse o radio. El colleu pertenzas, cartilla do banco... entón supoñemos que pode estar máis lonxe".

As condicións meteorolóxicas non axudan. Non parou de chover en toda a tarde, e os camiños van cheos de auga.

"Estamos moi preocupados porque pode caer en calquera sitio, e co día que está... e sen medicamento... vaino pasar mal", lamenta Indalecio.

Antonio precisa medicación. Os familiares témenlle á noite, pola chuvia e as baixas temperaturas.