CRTVG

Buscar

Prosegue a busca de dous ocupantes dunha piragua que envorcou en Portosín

Publicado o 07/07/2020 07:09

• O operativo de rescate púxose en marcha a última hora da tarde na praia de Coira

• Salvamento Marítimo rescatou unha rapaza que tamén ía na piragua e que foi trasladada en helicóptero ao hospital de Santiago

Un dispositivo de busca activouse na praia de Coira, en Portosín, para buscar tres persoas, unha delas menor, que saíran en piragua e non regresaran a última hora da tarde. O helicóptero Helimer conseguiu localizar camiñando polas rochas unha das persoas desaparecidas, unha muller da parroquia de Miñortos, Porto do Son, que, segundo parece, estaba en choque e foi trasladada ao hospital de Santiago.

A busca das outras dúas persoas continúa. Todos son naturais da zona e con idades comprendidas entre os 17 e os 18 anos. As autoridades atoparon a piragua envorcada. Esta mañá, coas primeiras luces, contra as sete, un pesqueiro localizaba un dos chalecos salvavidas preto da praia de Basoñas, en Porto do Son.

Os mozos tentaban chegar á illa da Creba, perderon un remo da embarcación e foi entón cando un deles se tirou á auga para recuperalo. A corrente arrastrounos e provocou que a piragua envorcara.

Medios aéreos, marítimos e terrestres proseguen esa busca dos dous ocupantes da piragua. A zona de procura deste martes amplíase ata Basoñas e a liña de costa desde a praia Río Sieira a Caveiro. Tamén se solicitou dende o 112 Galicia a colaboración do persoal do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias, para prestar apoio aos familiares das vítimas.  

Ademais, está previsto que coa baixada da marea, sobre as 12:30 horas, se centren os esforzos por aire e mar na área de Caveiro e Punta Arnela.  

Durante a pasada noite permaneceu na zona o buque Don Inda de Salvamento e á primeira hora da mañá deste martes saíu por aire o helicóptero Helimer 401, con base na Coruña, que será substituído polo Helimer 211.  

Por mar colaboran o Don Inda, a embarcación Río Xallas da Garda Civil e unha lancha de Protección Civil. Está previsto, ademais, que sobre as 12:00 horas se unan os mergulladores do Instituto Armado (GEAS).  

Por terra efectivos de Protección Civil rastrexan a zona comprendida entre as praias de Coira e Caveiro, segundo indicaron as mesmas fontes, mentres por mar cunha lancha buscan entre a illa da Creba e Portosín.

A moza rescatada explicou que na piragua levaban chalecos, pero non os puxeron. A moza foi trasladada ao complexo hospitalario compostelán.  

O accidente tivo lugar na praia de Coira, na localidade de Portosín. Despois de coñecer os feitos, Salvamento Marítimo mobilizou un dispositivo de busca en que participaron medios marítimos e aéreos.  

Os servizos de emerxencia localizaron a piragua envorcada e rescataron unha das ocupantes da embarcación xa en terra. A moza foi trasladada ata o aeroporto de Santiago nun helicóptero de Salvamento Marítimo, desde onde foi levada ao CHUS.  

As outras dúas persoas que viaxaban na piragua, dous homes, permanecen en paradoiro descoñecido. No dispositivo tamén participaron efectivos do Servizo de Gardacostas de Galicia, axentes da Garda Civil e persoal de Protección Civil de Porto do Son.