CRTVG

Buscar

En busca e captura tres homes que asaltaron un empresario de Lugo

Publicado o 20/03/2019 21:22

O asalto produciuse a primeira hora da mañá, cando o empresario Carlos Tomé, propietario de Gasóleos Ceao, se dispoñía a saír do seu chalé na parroquia luguesa do Veral. Tres encapuchados, dous deles armados con pistolas e o terceiro cun coitelo, abordárono por detrás, déronlle unha malleira e deixárono no garaxe da casa coas mans atadas. A vítima do asalto, á que lle levaron o reloxo e mais as chaves do seu negocio, tivo que ser trasladada ao hospital Lucus Augusti debido ás lesións sufridas. 

Un empresario de Lugo sufriu un asalto cando saía do seu chalé no Veral, ás aforas da cidade. Tres encapuchados, armados con pistolas e coitelos, abordárono por detrás, déronlle unha malleira, quitáronlle o reloxo e as chaves que levaba e deixárono no garaxe coas mans atadas. Tras conseguir liberarse, baixou ata esta estrada para lles pedir axuda aos veciños, que chamaron a policía.

"Incluso teño aquí un obreiro traballando, que vén ás 9 pero que non soubo de nada. Igual xa pasaría toda a historia esta".

"Eu penso que se encontran todos preocupados. Nunca tal aquí pasou".

"Como non ían estar preocupados. Eran tres encapuchados que ían para roubar".

A vítima do asalto é Juan Carlos Tomé, un ex-policía propietario dunha coñecida estación de servizo no polígono lugués do Ceao. Debido ás lesións que lle causaron os asaltantes, que chegaron a disparar ao aire, o empresario tivo que ser trasladado ao HULA. Pola súa parte, os axentes da comisaría de Lugo están a investigar a autoría destes feitos.

 

Noticias web

20/03/2019