CRTVG

Buscar

Buscan mellores aloxamentos para os evacuados

Publicado o 23/09/2021 08:18


Efectivos de seguridade controlan os accesos á zona afectada pola erupción e o seu perímetro. Pero ducias de familias da Palma xa non teñen a onde volver. Os últimos datos falan de arredor de 400 inmobles engulidos pola lava. 

Outros si teñen, aínda, as súas vivendas en pé. Aos evacuados que lles permiten achegarse ás súas propiedades dentro da zona demarcada danlles pouco tempo para recoller o que poden ou precisan. Cambia moito segundo ven que a lava lles pode afectar. Ou se están desprazados por motivos de seguridade, pero fóra, en principio, do traxecto da coada.

Os días pasan e as autoridades canarias buscan novos aloxamentos de emerxencia; para mellorar as condicións dos evacuados, negocian con hoteis e barcos de cruceiros. As patronais da banca e a Sareb anunciaron que porán ao dispor dos afectados vivendas que teñan dispoñibles, din, mentres sexa necesario. A lava continúa avanzando aos poucos, e os preto de seis mil desprazados só poden agardar, entre a angustia, a incerteza e o respecto ao volcán. 

Noticias web

23/09/2021