Buscan en Soutomaior unha muller que falta dende a tarde de onte e leva días sen tomar a medicación
En Soutomaior piden a colaboración cidadá para atopar unha muller de 66 anos que desapareceu onte pola tarde. Está enferma e leva xa tres días sen tomar a medicación que precisa. Malia que agora vive en Redondela, desprázase habitualmente a Arcade, onde viven dúas das súas fillas. Manuela Barbosa vestía no momento da desaparición un vestido amarelo escuro, con estampado de flores, levaba un bolso marrón e unha máscara negra.
A última vez que a viron foi nas inmediacións do restaurante Avenida, de Arcade, arredor das tres da tarde. Ía de camiño á casa dunha filla, pero alí non apareceu. A desaparecida é natural de Soutomaior, do lugar de Rial, ata onde tamén se achegaron afectivos de Protección Civil e Garda Civil para mirar por ela nos arredores por se se lle ocorrera volver á que é a súa casa natal.
Tamén levaba con ela un teléfono móbil e agora están á espera de que o xulgado autorice o seu rastrexo para seguir as pegadas de Manuela e poder localizala.
Hai un operativo de busca en que participan efectivos de Protección Civil de Soutomaior, que estiveron toda a noite ata as seis da mañá traballando, Garda Civil e Policía Nacional, unha busca que se estendeu a todo o concello, xa que hai posibilidades de que estea tanto en Arcade como en Soutomaior. A súa familia está a agardar nos diferentes domicilios por se aparece en calquera deles.