CRTVG

Buscar

Buscan dous mozos que rouban teléfonos de gama alta en tendas de toda Galicia

Publicado o 14/02/2019 21:16

A Garda Civil investiga os roubos que se veñen producindo en tendas de telefonía móbil de múltiples localidades galegas e que poderían ser obra dos mesmos delincuentes. As gravacións das cámaras de seguridade de varios establecementos así o testemuñan: son dous mozos que entran nos establecementos a cara descuberta e, sen mediar palabra, arrancan os terminais de gama alta dos expositores e foxen correndo sen que os dependentes teñan tempo case de reaccionar.

Esta tenda de telefonía de Arteixo foi a última dunha lista de establecementos deste tipo que foron asaltados nos últimos días. Charo, a dependenta que estaba na tenda no momento do roubo, aínda non se repuxo do susto que levou. Estaba a piques de pechar e deixou a reixa a medio baixar. Tal e como recolle a gravación das cámaras de seguridade e relatou ela, os dous ladróns aproveitaron ese oco para coarse na tenda cun obxectivo claro: os teléfonos de gama alta que había no expositor.


O valor dos teléfonos roubados nesta tenda supera os 3.000 euros, pero hai que sumarlles o custo do sistema de alarmas onde estaban expostos e que teñen que repoñer: as perdas rozan os 5.000 euros.

O mesmo botín e os mesmos danos provocaron nesta outra tenda en Ordes. Pero non foron os únicos, estas outras gravacións de cámaras de seguridade recollen roubos semellantes en Ponteareas e Boiro. Pero nos últimos días tamén se denunciaron roubos idénticos en Sarria, Ribadeo e Viveiro. A Garda Civil séguelles a pista aos ladróns. Todo apunta a que se trata dos mesmos individuos en todos os casos, tal e como testemuñan as gravacións.

De nada valeron os carteis expostos a carón dos teléfonos que advirten de que roubalos non serve de nada porque están bloqueados. Os afectados descoñecen cal pode ser o destino desta mercadoría subtraída porque din que é inservible.

Noticias web

14/02/2019