CRTVG

Buscar

Buscan os falsos vendedores de coches que deron catro golpes en Galicia

Publicado o 24/01/2020 11:18

Nun descampado de Tor, en Monforte, foi o escenario en que se rexistrou a última estafa na compra dun coche de alta gama. Con este, xa son catro os casos denunciados nos últimos meses entre o sur de Lugo e Ourense. Nesta ocasión, a vítima é un veciño de Burgos, de 37 anos, que levaba 20.000 euros para realizar a transacción. Primeiro tirotearon o seu vehículo para meterlle medo, e como se resistía a entregar os cartos, déronlle un forte golpe na cabeza. 

"Neste caso en concreto, era dar a cambio o vehículo que traía esta persoa, que viña da zona de Castela, e entregar 20.000 euros. Quedan nunha zona apartada da cidade, a onde hai fácil acceso en coche pero difícil andando, e unha vez están no lugar para facer o intercambio, solicítanlle os cartos. E, como non llelos entrega, agrídeno dunha forma bastante contundente," di Manuel Arias, voceiro da Comisaría da Policía Nacional de Lugo.

Tamén lle quitaron o móbil, para que non puidese chamar a policía. Por sorte para a vítima, que estaba ferida, uns veciños que o viron deron aviso e unha ambulancia do 061 que se ocupou do seu traslado ao hospital comarcal de Monforte. En canto aos estafadores, crese que este era o coche que levaban. Supostamente, prendéronlle lume para borrar o seu rastro. Apareceu a cinco quilómetros de distancia, e o incendio foi sufocado polos bombeiros do parque comarcal monfortino.

"Avisáronnos de que había un coche ardendo entre as parroquias de Piñeira e Distriz, próximas ao casco urbano de Monforte. Chegaron os compañeiros alí e viron un BMW ardendo con moita intensidade. Non había nin condutor nin persoas ao lado, e procederon á extinción", relata Tomás Losada, sarxento dos bombeiros de Monforte.

Nos catro casos de estafa na compra de coches de alta gama, as vítimas eran de fóra de Galicia. Un caso rexistrouse no concello ourensán de Coles, outro en Sarria e outros dous en Monforte. 

Axentes da Garda Civil e da Policía Nacional están a cooperar nunha investigación conxunta para tratar de identificar, localizar e deter os membros dunha banda de falsos vendedores de coches que actuaron polo menos en catro ocasiones en Galicia, tres veces en municipios da provincia de Lugo e unha no de Ourense.

Fontes policiais informaron de que todos os indicios e probas solicitadas ata o momento polos investigadores de ambos os corpos apuntan a que os autores deste violento roubo son os mesmos. "Todos as investigacións que realizamos ata o de agora apuntan a que os catro casos están relacionados", sinalan os mesmos informadores.

De feito, "o modus operandi é o mesmo", porque nos catro casos que están a ser investigados os falsos vendedores citaron as súas vítimas "no arrabalde dos núcleos de poboación" e, nada máis establecer contacto con elas, o primeiro que fixeron "foi quitarlles o teléfono móbil".

Con esa forma de proceder, precisan, asegúranse de que "terán tempo suficiente para fuxir do lugar do roubo" e "cando as vítimas teñen posibilidade de dar aviso, probablemente eles xa están lonxe".

A mesma fonte tamén lamenta a falta de prudencia das propias vítimas ao acudir a unha zona apartada para atoparse con xente á que non coñecen de nada e cunha "gran suma de diñeiro en efectivo", cando hoxe en día hai formas de pago moito máis seguras, sosteñen.