Buscan a entrada da muralla do castro de Doade
En Lalín está a piques de rematar a sétima campaña de escavación do castro de Doade, unha iniciativa privada que promove o Museo Etnográfico Casa do Patrón.
Este ano o obxectivo era descubrir a porta da muralla, e tanto o equipo de arqueólogos como o promotor cruzan os dedos para dar con ese acceso antes de que a campaña finalice.
Os catro arqueólogos, estudantes, e Manolo Blanco, o promotor privado da campaña, están impacientes. Nestas tres semanas de escavación o equipo descubriu un muro que non segue a liña da muralla que apareceu o ano pasado.
Ninguén quere marchar o luns sen dar coa entrada a este castro da Idade de Ferro así que decidiron prolongar a escavación uns días máis. Manolo teme polas súas finanzas. Aínda que vai conseguindo algunha subvención, paga do seu peto o traballo.
Tras esta fase toca estudar os restos atopados que acabarán expostos no Museo Etnográfico Casa do Patrón.