CRTVG

Buscar

Buscan a banda que tratou de asaltar unha vivenda en Aldán, Cangas

Publicado o 26/11/2019 14:32

Moi poucos veciños de Erbello querían falar este martes á cámara. O susto que viviron hai uns días failles sentir inseguridade e moito medo. O intento de asalto aconteceu nesta parroquia de Aldán, un lugar aparentemente tranquilo. Catro encapuchados fixaron o seu obxectivo nesta casa cando caeu a noite. Aparcaron o coche neste camiño, subiron por este poste da luz, moveron as cámaras para non seren gravados e accederon ao seu xardín. Os propietarios da casa estaban dentro e os berros do veciños do lado alertaron a todos.

Os berros alertaron os veciños, que saíron á rúa e escorrentaron os ladróns, que fuxiron a toda velocidade nun coche gris. Os propietarios da vivenda, que levan apenas cinco meses vivindo nesta zona, preferiron non falar á cámara. Xa interpuxeron denuncia por estes feitos.

A Garda Civil investiga se esta banda de asaltantes podería estar relacionada co roubo noutra vivenda próxima ese mesmo día, no lugar da Serra de Poente. De momento, non hai detidos.

Noticias web

26/11/2019